Nós

O Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña (CEXEF) é un espazo de investigación de carácter aberto e multidisciplinar, no que teñen cabida todas aquelas persoas que desenvolven liñas investigadoras en materia de xénero e/ou feminismo. Está composto por profesorado que leva anos traballando nestes ámbitos, con traxectorias xa consolidadas, e tamén por persoas que inician o seu percorrido na área do xénero ou queren incorporala na súa investigación. Así, o centro nútrese de disciplinas que levan décadas incluíndo a perspectiva de xénero no seu desenvolvemento e tamén doutras nas que incorporación é moito máis recente.

O CEXEF é tamén un espazo de formación onde se desenvolven cursos e conferencias en torno a diversas temáticas, dirixidos a distintos tipos de público, co obxectivo de ofertar contidos e formatos de gran calidade que redunden nunha mellora tanto da actividade investigadora como da práctica profesional neste ámbito, no caso de persoas que traballan ou queren traballar no eido da igualdade.

Por último, o CEXEF quere ser un espazo de encontro e de diálogo en permanente contacto coa realidade social máis próxima, así como con redes de traballo e comunicación que nos permitan establecer conexións con outras latitudes.

Actualmente, o centro está dirixido por Laura M. Castro Souto, profesora da Facultade de Informática, en estreita colaboración con Emma López Bahut, profesora da Escola de Arquitectura, que ocupa a secretaría.

A continuación, móstranse as compoñentes deste centro.